jueves, 26 de enero de 2012

Sobre anfibios e réptiles




O sábado día 28/01/2012 continuando coa programación do CEN-Casa das ínsuas en Rábade, lévase a cabo unha interesante actividade relacionada co mundo da herpetoloxía na que Martiño Cabana Otero proporcionará as bases para unha correcta prospección e determinación dos anfibios, incluídas as súas larvas e ovos. A xornada comeza cunha introducción teórica no CEN ás 10:00 e complétase coa saída ao campo até as 14:00.

(Recoméndase traer calzado adecuado para moverse por lugares húmidos e encharcados)

martes, 24 de enero de 2012

Xornada dos humidais, da SGO



A Sociedade Galega de Ornitoloxía organiza unha interesante "Xornada dos humidais. A conservación das zonas húmidas galegas de importancia ornitolóxica" por mor da conmemoración do día mundial dos humidais que se celebra o día 2 de febreiro.

A cita, de obrigada asistencia, será o vindeiro día 4 de febreiro de 2012, sábado,  no CEN-Casa das Ínsuas de Rábade (LU) e conta coa colaboración da S.G.H.N., o concello de Rábade, a AGCT e o CEN.

Do programa, que podedes ver no cartaz que se inclúe nesta entrada, cabe subliñar a charla a impartir por Luis José Salaverri Leiras, biólogo, destacado membro da SGO e sen dúbida un dos máis profundos coñecedores da ornitofauna chairega, lucense e galega en xeral, baixo o título "Tendencias poboacionais das aves acuáticas invernantes no nordeste de Galicia".

Se tendes interese, por mínimo que este sexa, no coñecemento e conservación das aves lucenses, non deixedes pasar esta ocasión de escoitar de bocas expertas os diversos factores que interveñen na conservación dos humidais e a fauna a eles asociada. 



domingo, 18 de diciembre de 2011

Celebrada a xornada de iniciación ás acuáticas invernantes

 Segundo o previsto, o pasado día 10 levouse a cabo a programada xornada de iniciación ao coñecemento das aves acuáticas invernantes na Terra Chá no C.E.N. - Casa das Ínsuas de Rábade, cunha asistencia máis que satisfactoria para a organización e sobre todo de calidade. Queremos salientar neste senso a atenta presenza de varios membros da Sociedade Micolóxica Lucus, xentes comprometidas coa conservación.

 A xornada deu comezo, pasadas as dez da mañá, coa información teórica perfectamente exposta polo compañeiro Oscar no auditorio do centro e que máis tarde sería aplicada nas horas de observación no campo. Centrada básicamente nas especies máis comúns como invernantes nos humidais chairegos e que na maioría dos casos serían doadas de ollar nas zonas próximas.



 Así pois, unha vez recibidas a primeiras pinceladas teóricas introducindo descripcións someras, clasificacións, grupos de aves, notas sobre o por qué e o cando das migracións, etc., dirixímonos os aproximadamente 15 presentes (logo sumarínase algúns máis) á lagoa de Cospeito, corazón dos humidais da chaira e que acolle regularmente unha boa parte da cantidade e variedade das especies que aquí invernan, xunto cos colindantes prados da Espiñeira.



 Apostados no observatorio máis próximo ao centro de interpretación, os asistentes puideron recoñecer varias das especies tratadas con anterioridade. Nunha mañá de sol, luminosa e nítida, das que máis se disfrutan achegando o ollo ao ocular do telescopio ou dos prismáticos nestas datas case invernais, fóronse identificando parrulos (lavanco, cerceta, pato frisado, asubiador, cullerete e pato cristado), corvos mariños, mergullóns pequenos, galiñola e galiñola negra, garza real, azor e buxato, por exemplo. Sen rarezas, só especies habituais na invernada como case sempre nas saídas ornitolóxicas por estas paraxes.



Achegándose xa a hora do xantar, os máis peques (acompañados de mamás e papás) derón en rematar a xornada paxareira, e a metade dos que empezamos (dous arriba ou abaixo) cambiamos por uns intres de ubicación, achegándonos a un dos observatorios de madeira. Conforme o furado no estómago foi medrando, xa só quedamos os últimos catro, que logo de repoñer forzas a base dun fumeante bocata quente nun establecemento da zona (cousa de non pouca importancia, tanto para a nosa saúde como para a economía da zona), dirixímonos aos prados da Espiñeira, onde brevemente corroboramos que o forte da invernada está aínda por chegar, localizando tan só un pequeno bando de avefrías, algúns buxatos e garzas reais, os corzos, que aquí síntense seguros e bastante confiados (é refuxio de fauna), un par de lagarteiros e pouco máis.

Para finalizar demos unha volta por outro dos humidais de interese, as lagoas de Riocaldo (ou Riocaldo e Pedroso deberíase dicir?) onde ademais de lavancos, cercetas e corvos mariños como especies máis abundantes, tamén seguen no lugar dúas anátidas foráneas, dous gansos do canadá dos que un deles xa está establecido dende hai máis de dous anos e medio.


domingo, 4 de diciembre de 2011

Cursiño Aves Invernantes

Xa a piques de rematar este 2011, Numenius, xunto coa A.G.C.T. e o CEN - Casa das Ínsuas organiza unha xornada para iniciarse no coñecemento das aves acuáticas invernantes na Terra Chá. 

  Anátidas, limícolas, rálidos ou corvos mariños, entre outras, forman parte da avifauna acuática chairega durante os meses máis fríos do ano.

  Se queres comezar a familiarizarte con estes grupos de aves ou incluso profundizar algo máis sobre os seus hábitats, costumes, datas de chegada e partida, ameazas e outras peculiaridades, non dubides en achegarte o próximo sábado día 10 de decembro de 2011 polo CEN - Casa das Ínsuas en Rábade. Membros de Numenius con coñecementos sobre o tema e gañas de compartilos contigo sentiranse ledos de recibirte.

   A asistencia é gratuíta e o único que se require é vehículo propio para os desprazamentos aos lugares de observación (seguro que haberá prazas dispoñibles de sobra) e traer, quen os teña, binoculares. Tampuco está demais pensar na roupa de abrigo dada a época do ano así como, tendo en conta o horario, aqueles que queden durante tódalas horas previstas han pensar en traer bocata ou similar (haberá onde mercalo e tamén a posibilidade de xantar de restaurante quen así o prefira ). A organización achegará  (os membros a título persoal) material óptico (binoculares e telescopios).

Animádevos a pasar unha xornada diferente, en boa compañía, cun bo ambiente e aprendendo sobre o medio natural chairego.


Numenius continúa a súa andaina.



   O blogue leva xa tempo (demasiado) sen seres  actualizado, mais iso non quere  dicir que Numenius non seguira coas súas actividades, dentro das posibilidades dun grupo reducido como é o noso, claro está.

   Numenius participou activamente na creación da Asociación Galega de Custodia do Territorio (A.G.C.T.) xa no ano 2008, á que permanece vinculada dende entón. Participou tamén activamente na posta en marcha do CEN - Casa das Ínsuas en Rábade, xunto coa devandita AGCT , Drosera e Saramaganta.

   Con estas organizacións colabora estreitamente na convocatorias de diversas actividades, sempre có fin último da conservación como obxectivo ( proxectos de custodia, training days, proxección de documentais,…).

   Sen entrar en máis detalles das actividades pasadas, pretendemos, en adiante,  ir dando cumprida información sobre as que nun futuro se planifiquen e leven a cabo.

   E para comezar, o anuncio dun curso de Iniciación ás Aves Acuáticas Invernantes na Terra Chá, a celebrar no CEN - Casa das Ínsuas o día 10 de Decembro, e cuxo cartaz podedes ver na seguinte entrada.

  Para rematar, pedir a comprensión de todos aqueles que ao longo deste dilatado espazo de tempo seguiron visitando regularmente este sitio, atopándose cada vez con que non había novidades. Queremos pedirlles disculpas por elo e que saiban que é pola súa causa que se decide, facendo un novo esforzo, retomalo.

lunes, 27 de abril de 2009

Sobre restauración e xestión de humidais

Estes son o cartel e o programa da convocatoria desta xornada na que tres cualificados oradores exporán as súas respectivas experiencias na restauración e xestión de humidais continentais na Península Ibérica.

A convocatoria foi posible grazas á organización conxunta entre Numenius, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e a consultora ambiental DS habitaq e a colaboración do concello de Cospeito. A asistencia é aberta a todas aquelas persoas interesadas na ornitoloxía, na xestión de humidais e na conservación do medio ambiente e a biodiversidade en xeral




jueves, 17 de abril de 2008

Noticia sobre o acceso gratuíto á obra completa de Darwin no xornal El País

Xornadas de voluntariado


jueves, 6 de marzo de 2008

MASA CRÍTICA

A “Masa Crítica” é un movemento revindicativo que trata de conseguir a popularización no uso da bicicleta na cidade, así coma que as cidades se habituen e habiliten para o uso deste medio de transporte. O último xoves de cada mes arredor das 8:00 P.M. ten lugar unha marcha a través do corazón das cidades para facer ver á esta “Masa Crítica”.



Aínda que isto non ten relación directa coas aves e menos coas da Terra Chá, facemos unha reseña deste movemento porque nos parece que representa no fondo a esencia dos movementos ecoloxistas e conservacionistas.

Aquí en Lugo o numero de entusiastas que se animan cada último xoves do mes non chega aos 50, en Madrid arredor de 500, co que coma sempre a “Masa Crítica” é mínima e quizais este sexa o problema. Sempre somos poucos, tanto na conservación das aves, coma na conservación dos morcegos, coma na reivindicación do uso da bicicleta...

Aproveitamos tamén este espacio para animar á xente a que se una a esta iniciativa a prol dunhas cidades máis acolledoras e habitables, sen tanto tráfico e con menos polución.




miércoles, 20 de febrero de 2008

Caixas niño


Dende Numenius comezamos este ano un novo proxecto, a colocación de caixas niño para especies de mediano tamaño (moucho, bubela, lagarteiro, etc…) nalgunhas zonas da comarca chairega. Nesta primeira tempada instaláronse 24 caixas na zona dos prados da Espiñeira aledaña á Lagoa de Cospeito. Esta zona a pesar de constituir un hábitat aparentemente óptimo carece de árbores vellas nas que poidan niñificar estas especies. Recordemos que esta zona a finais dos anos 50 do século pasado sufríu unha forte transformación debido ao proceso de colonización agraria promovido pola administración central, que transformou amplas zonas de uceira en pradeiras eliminando case por completo o arboredo existente. Na actualidade unicamente hai árbores formando parte das sebes e lindes das parcelas, e sempre árbores novas que non proporcionan lugares axeitados para a niñificación.



Seguindo a experiencia de outros proxectos similares desenvolvidos noutras zonas da xeografía peninsular procedeuse á construcción de caixas niño seguindo os modelos recomendados na bibliografía especializada para as especies obxectivo (moucho, bubela, lagarteiro, etc…).



Nos vindeiros anos preténdese aumentar o número de caixas colocadas neste e outros lugares da Terra Chá e facer un seguimento durante a tempada reproductora para avaliar o éxito desta medida.



Na construcción, preparación e colocación das caixas hai que agradecer o traballo dos compañeiros Carlos González, Eva Villares, David Calleja, José Otero, Ricardo Méndez, Xosé Ramón Sánchez, Miguel Paredes, Hugo Fernández, Daniel Pérez, Gustavo Martínez, Oscar Rivas e Gabriel Lijó.



sábado, 16 de febrero de 2008

Pouca actividade

As cousas están tranquilas na Terra Chá (salvo os sobresaltos producidos polas batidas ao xabarín, que lle pregunten a Toño Salazar) ao menos aparentemente. Os integrantes de Numenius estamos a dedicar unha boa parte do noso tempo fundamentalmente a tres actividades das que de dúas en breve daremos noticia máis polo miúdo.

Dunha banda, e hoxe mesmo remata o prazo, imos cubrindo algunhas cuadrículas para o Atlas de invernantes, doutra estamos a ultimar unha iniciativa de colocación dunha serie de caixas niño, e ademais estamos metidos de cheo nun proxecto de custodia do territorio xunto con Drosera no que temos posto unha boa dose de ilusión.

En canto a observacións, destacar:

O Luns 11.02.2008 nunha fugaz visita por algunhas zonas da chaira G. Matinez e Oscar Rivas pudieron observar coma máis destacado o seguinte:

-Granxa Gaioso Castro: Min. 17 Avefrías (Vanellus vanellus) e con estas un pequeño bando de tordo real (Turdus pilaris). Tamén cantaba a carriza dos xuncos (cisticola juncidis), que este ano viuse durante a tempada invernal en certas zonas da comarca.

-Veiga de Pumar: 1 picanzo meridional (Lanius meridionalis) e un lagarteiro (Falco tinninculus).

-Arneiro-Goá: 1 picanzo meridional (Lanius meridionalis) e varios exemplares de pimpín do norte (Fringilla montifrigilla) nun rastrollo de millo onde a especie lévase observado durante todo o periodo invernal.

En Riocaldo baixou notablemente o número de anátidas, mantéñense unha vintena de cercetas Anas crecca, o dia 10.02 se deixou ver unha parella de asubións Anas penelope, os corvos mariños Phalacrocorax carbo son pouco máis dun cento, unha única escribenta das canaveiras Emberiza schoeniclus observada varios días, as dúas garzotas grandes Egretta alba que pasan o inverno nas lagoas igual que o mergullón bicogroso Podilymbus podiceps.


Egretta alba, sorprendeume pousándose a poucos
metros...



...e logo dunha boa sesión de pousados decideu que
xa estaba ben e foise por onde chegou.


Os mergullóns cristados Podiceps cristatus que o día 12.02.08 eran 12 dos que 10 están emparellados, amosando unha clara actividade reproductiva e chegando algunha parella a, cando menos, amagar con construi-lo niño (a primavera xa está aí).



Escena da parada nupcial de Podiceps cristatus
o pasado día 11.02.2008.



O mergullón bicogroso é algo máis confiado que
ao principio.


Seguen tamén 16/17 galiñolas negras Fulica atra, escóitase o rascón Rallus aquaticus e algunha que outra becacina G. gallinago...

sábado, 26 de enero de 2008

Anelamento na Espiñeira

A fin de semana do 19 e 20 de xaneiro os membros do grupo de anelamento Anduriña de Pontevedra, Pablo Sanmartín e Vitor Cabaleiro acompañados de Cris e Bea, achegáronse ao corazón da Terra Chá para pasar estes dous días anelando paseriformes. Hai que dicir que na provincia lucense non existen nin grupo de anelamento nin aneladores e esta actividade limítase (que se coñeza) prácticamente ás xornadas deste grupo e de Píllara nesta comarca (de xeito puntual) e do grupo Hércules en Bóveda (Monforte). Neste último lugar ten lugar unha xuntanza dos distintos grupos galegos, incluído Torquilla.


Paisaxe típica chairega con praderías de grande extensión

Ademais dos mencionados, tivemo-la satisfacción de compartir horas de campo con eles un bo número de integrantes de Numenius, chegando a pasar ao longo da fin de semana até un total de 18 persoas.

As aves capturadas para a súa marcaxe foron as seguintes:

Día 19 (toda a xornada)

Turdus merula 9
V. vanellus 1
Erithacus rubecula 9
Emberiza schoeniclus 32
Saxicola torquatus 3
Carduelis chloris 1
Fringilla coelebs 1
Turdus philomelos 1
Passer montanus 5
Prunella modularis 2
Anthus pratensis 2
Phylloscopus collybita 4
Parus caeruleus 1


Unha das escribentas das canaverias Emberiza schoeniclus


Diferencias nas rectrices entre dous ex. de E. schoeniclus


Día 20 (até mediodía)

Anthus pratensis 8
Turdus merula 1
Emberiza schoeniclus 7


Phylloscopus collybita




O sempre fermoso merlo común Turdus merula

Tamén se puido gozar da observación entre outros de:

Falco peregrinus 1 ex.
Accipiter nisus 1 ex.
Falco columbarius 1 ex.
Vanellus vanellus Bando duns 600 ex.
Pluvialis apricaria 57 ex.
Fringilla montifringilla máis dun cento de ex.
F. coelebs
Coturnix coturnix 1 ex. que por aquí andaba "despistado"
Ciconia Ciconia 4 ex.


E non o é menos o tordo común T. philomelos

A experiencia rematou da mellor maneira posible, a mediodía do domingo sentados á mesa saboreando un "pulpo á feira" na idem de Cospeito logo de dous días de sol espectacular que seguían a varios de chuvias intensas (xa necesarias), e unha breve visita ás lagoas de Riocaldo onde se observan:


Na procura do mergullón bicogroso Podilymbus podiceps

Egretta alba 2 ex.
E. garzetta 2
Ardea cinerea 2
Podilymbus podiceps 1
Podiceps cristatus 7
Anas crecca 26
Anas platyrhynchos aprox. 156
Anas clypeata 1 M
máis Phalacrocorax carbo, Fulica atra, Tachybaptus ruficollis, Aythya ferina e Rallus aquaticus (escoitado).

Queremos amosar dende aquí o noso recoñecemento á labor perseverante deste colectivo de aneladores científicos galegos (neste caso especialmente aos do grupo Anduriña) que non dubidan en madrugar unha fin de semana sí e outra tamén para lograr un volume de datos inxente que aportan un coñecemento impagable dos distintos aspectos da vida das nosas aves, pese ao "delicado" ou controvertido da actividade.


E tamén se deixaron ver unha rá de San antón Hyla arborea...


E unha temperá Inachis io





Doutra banda, estas son algunhas observacións realizadas na Terra Chá o 15.1.08, pola mañá.
Observadores: Esther Dorribo,Victor Soto, Cristina Diaz, Rocio Mato e Augusto de Castro.


-Lagoa de Cospeito (só dende o observatorio nordeste):

Lavanco Anas platyrhynchos……………………………………..……..72
Cerceta común A. crecca.........……………………………………….….14
Galiñola negra Fulica atra..............……………………………..……. 19
Zampullín común Tachybaptus ruficollis…………………………….2
Cullerete A. clypeata................………………………….…………….…4
Indet. (posiblemente algunha Gallinula chloropus)...............….3

-Lagoa de Caque:

Lavanco………………………………………..................................…...58
Pato Frisado Anas strepera…………………………...........…….……….7
Cerceta común…………………………….........................……..……….67
Galiñola negra………………………………...................................…..19
Parrulo cristado Aythya fuligula.........................3 M. e algunha F.

-Veiga de Pumar:

Avefría Vanellus vanellus..............................................(unhas 30)

-Goá:

Estorniño pinto Sturnus vulgaris...........................(entre 50 e 100)
(chamou a atención non observar bandos maiores e en Pumar, como no 2007)

martes, 1 de enero de 2008

1 de Xaneiro de 2008

Comeza o ano nas lagoas de Riocaldo cun aumento nos efectivos de lavanco Anas platyrhynchos que pasan dos 600 ex., as cercetas Anas crecca, con cifras moito máis discretas tamén aumentan até os 38, hai hoxe unha parella de culleretes Anas clypeata e dúas parellas de pato chupón Aythya ferina, cifra menor que en semanas pasadas. Seguen por aquí o mergullón bicogroso Podilymbus podiceps ao que parece terlle gustado o lugar, 2 garzotas grandes Egretta alba e un mínimo de 4 garzotas comúns Egretta garzetta (chegaron a 9 ex. o día 22.12.07).


Podilymbus podiceps


Os corvos mariños Phalacrocorax carbo se aproximan aos números máximos de invernada chegando aos 111, as galiñolas negras Fulica atra son 18, mergullóns cristados Podiceps cristatus 5 e 3 os mergullóns pequenos Tachybaptus ruficollis. Ademais se escoitan 1 rascón Rallus aquaticus e 1 bilurico alinegro Tringa ochropus presentes na zona dende hai varias semanas.


A algúns non lle gusta compartir habitación


Doutra banda, esta mañá no antigo campo de aviación de Guitiriz e arredores 1 M. esmerillón Falco columbarius, unhas 200 avefrías (galos da braña) V. vanellus, un bando de píldoras douradas Pluvialis apricaria que non superaba os 90 ex., uns 40 tordos rubios Turdus iliacus e moi poucos pimpíns comúns Fringilla coelebs. Este inverno non se están adeixar ver na zona os pimpíns do norte F. montifringilla, debido en parte, presumiblemente, á ausencia de rastrollos de millo.


Femia de pimpín común F. coelebs



Vista do antigo campo de aviación de Guitiriz

jueves, 27 de diciembre de 2007

Avefrías, píldoras e pimpíns do norte

O domingo 23.12.07 percorrido completo pola comarca, indo dunha banda David Calleja, Oscar Rivas e Dani Pérez e por outra Eva Villares, Xosé Bergantiños e Jose Otero.

Comeza a mañá con algo de néboa que progresivamente vai levantando. Se prospectan:

Lagoa de Caque, con pouco a destacar, o número de anátidas segue a ser algo baixo.

Matodoso, aquí o primeiro e máis numeroso bando de avefrías Vanellus vanellus con no menos de 2500 exemplares, 84 píldoras douradas Pluvialis apricaria e 200/250 pimpíns do norte Fringilla montifringilla xunto con outros frinxílidos.



Parte dun bando de avefrías Vanellus vanellus



Os pimpíns do norte Fringilla montifringilla



Pimpíns do norte

Xustás, outras 70 avefrías.


Pimpíns do norte

Veiga do Pumar, 120 avefrías e 367 píldoras douradas.


Avefría



Píldoras douradas Pluvialis apricaria

Goá, algúns tordos reais Turdus pilaris.

A Espiñeira, un novo gran bando dunhas 1200 avefrías e 450 píldoras douradas.


Avefrías



Píldoras douradas

Na Croa 1 M. gatafornela Circus cyaneus.

Guitiriz (no antigo campo de aviación), a lo menos 200 avefrías, unhas 50 píldoras douradas e dúas becacinas Gallinago gallinago. (o día anterior 5 tordos rubios Turdus iliacus).


Píldora dourada



Becacina Gallinago gallinago


Durante toda a xornada as escopetas non deixaron de cuspir chumbo, con semellantes bandos tiñan que estar ledos os cazadores.

martes, 27 de noviembre de 2007

Caque, Veiga-Arneiro-Goá, Cospeito e Riocaldo


Durante o censo mensual que se leva a cabo nos principais humidais e zonas aledañas da Terra Chá por parte de membros desta asociación, isto é o máis saliantable do Domingo 25.11.2007.

Lagoa de Caque


A pesar das últimas chuvias nesta lagoa mantéñense zonas con limos, favorecendo a presenza de algunhas (poucas) limícolas entre as que cabe destacar medio centenar de avefrías Vanellus vanellus ou un pilro tridactilo Calidris alba.
As cifras de anátidas son discretas, tanto de cerceta común Anas crecca coma de lavancos Anas platyrhynchos.



Veiga de Pumar-Arneiro

Destacar tan só a presenza dun bando de perto do centenar de ex. de píldoras douradas Pluvialis apricaria e un par de picanzos meridionais Lanius meridionalis.

Lagoa de Cospeito


Tranquilidade é o que respiraba en Cospeito

Tampouco aquí os números de anátidas son altos para as datas en que nos atopamos. Unha relación de especies presentes é:
lavanco Anas platyrhynchos
cerceta común Anas crecca
cullerete Anas clypeata
galiñola negra Fulica atra
galiñola Gallinula chloropus
mergullón pequeno Tachybaptus ruficollis
pato cristado Aythya fuligula
pato chupón Aythya ferina
avefría Vanellus vanellus
escribenta das canaveiras Emberiza schoeniclus


Lagoas de Riocaldo


Os corvos mariños se reparten polos ríos pouco
despois do amencer na procura de alimento


Aquí destaca a presenza de dúas garzotas grandes Egretta alba, o mergullón bicogroso Podilymbus podiceps que continúa no lugar dende finais de agosto, pato rabudo Anas acuta (1M), os corvos mariños Phalacrocorax carbo que xa sobrepasan o centenar, pato chupón, lavanco (máis/menos 250), galiñola negra, mergullón cristado Podiceps cristatus, 3 gaivotas choronas Larus ridibundus e, a última hora da tarde van chegando pequenos bandos de estorniños Sturnus spp. (maioría S. unicolor) para durmir que acaban por formar un grande e escandaloso bando dunhas 2000 unidades.


As dúas garzotas grandes descansan á beira da lagoa


Unha delas fai equilibrio sobre un salguerio


E isto foi canto deu de sí a xornada dominical ao longo da Chaira