domingo, 18 de diciembre de 2011

Celebrada a xornada de iniciación ás acuáticas invernantes

 Segundo o previsto, o pasado día 10 levouse a cabo a programada xornada de iniciación ao coñecemento das aves acuáticas invernantes na Terra Chá no C.E.N. - Casa das Ínsuas de Rábade, cunha asistencia máis que satisfactoria para a organización e sobre todo de calidade. Queremos salientar neste senso a atenta presenza de varios membros da Sociedade Micolóxica Lucus, xentes comprometidas coa conservación.

 A xornada deu comezo, pasadas as dez da mañá, coa información teórica perfectamente exposta polo compañeiro Oscar no auditorio do centro e que máis tarde sería aplicada nas horas de observación no campo. Centrada básicamente nas especies máis comúns como invernantes nos humidais chairegos e que na maioría dos casos serían doadas de ollar nas zonas próximas.



 Así pois, unha vez recibidas a primeiras pinceladas teóricas introducindo descripcións someras, clasificacións, grupos de aves, notas sobre o por qué e o cando das migracións, etc., dirixímonos os aproximadamente 15 presentes (logo sumarínase algúns máis) á lagoa de Cospeito, corazón dos humidais da chaira e que acolle regularmente unha boa parte da cantidade e variedade das especies que aquí invernan, xunto cos colindantes prados da Espiñeira.



 Apostados no observatorio máis próximo ao centro de interpretación, os asistentes puideron recoñecer varias das especies tratadas con anterioridade. Nunha mañá de sol, luminosa e nítida, das que máis se disfrutan achegando o ollo ao ocular do telescopio ou dos prismáticos nestas datas case invernais, fóronse identificando parrulos (lavanco, cerceta, pato frisado, asubiador, cullerete e pato cristado), corvos mariños, mergullóns pequenos, galiñola e galiñola negra, garza real, azor e buxato, por exemplo. Sen rarezas, só especies habituais na invernada como case sempre nas saídas ornitolóxicas por estas paraxes.



Achegándose xa a hora do xantar, os máis peques (acompañados de mamás e papás) derón en rematar a xornada paxareira, e a metade dos que empezamos (dous arriba ou abaixo) cambiamos por uns intres de ubicación, achegándonos a un dos observatorios de madeira. Conforme o furado no estómago foi medrando, xa só quedamos os últimos catro, que logo de repoñer forzas a base dun fumeante bocata quente nun establecemento da zona (cousa de non pouca importancia, tanto para a nosa saúde como para a economía da zona), dirixímonos aos prados da Espiñeira, onde brevemente corroboramos que o forte da invernada está aínda por chegar, localizando tan só un pequeno bando de avefrías, algúns buxatos e garzas reais, os corzos, que aquí síntense seguros e bastante confiados (é refuxio de fauna), un par de lagarteiros e pouco máis.

Para finalizar demos unha volta por outro dos humidais de interese, as lagoas de Riocaldo (ou Riocaldo e Pedroso deberíase dicir?) onde ademais de lavancos, cercetas e corvos mariños como especies máis abundantes, tamén seguen no lugar dúas anátidas foráneas, dous gansos do canadá dos que un deles xa está establecido dende hai máis de dous anos e medio.


domingo, 4 de diciembre de 2011

Cursiño Aves Invernantes

Xa a piques de rematar este 2011, Numenius, xunto coa A.G.C.T. e o CEN - Casa das Ínsuas organiza unha xornada para iniciarse no coñecemento das aves acuáticas invernantes na Terra Chá. 

  Anátidas, limícolas, rálidos ou corvos mariños, entre outras, forman parte da avifauna acuática chairega durante os meses máis fríos do ano.

  Se queres comezar a familiarizarte con estes grupos de aves ou incluso profundizar algo máis sobre os seus hábitats, costumes, datas de chegada e partida, ameazas e outras peculiaridades, non dubides en achegarte o próximo sábado día 10 de decembro de 2011 polo CEN - Casa das Ínsuas en Rábade. Membros de Numenius con coñecementos sobre o tema e gañas de compartilos contigo sentiranse ledos de recibirte.

   A asistencia é gratuíta e o único que se require é vehículo propio para os desprazamentos aos lugares de observación (seguro que haberá prazas dispoñibles de sobra) e traer, quen os teña, binoculares. Tampuco está demais pensar na roupa de abrigo dada a época do ano así como, tendo en conta o horario, aqueles que queden durante tódalas horas previstas han pensar en traer bocata ou similar (haberá onde mercalo e tamén a posibilidade de xantar de restaurante quen así o prefira ). A organización achegará  (os membros a título persoal) material óptico (binoculares e telescopios).

Animádevos a pasar unha xornada diferente, en boa compañía, cun bo ambiente e aprendendo sobre o medio natural chairego.


Numenius continúa a súa andaina.



   O blogue leva xa tempo (demasiado) sen seres  actualizado, mais iso non quere  dicir que Numenius non seguira coas súas actividades, dentro das posibilidades dun grupo reducido como é o noso, claro está.

   Numenius participou activamente na creación da Asociación Galega de Custodia do Territorio (A.G.C.T.) xa no ano 2008, á que permanece vinculada dende entón. Participou tamén activamente na posta en marcha do CEN - Casa das Ínsuas en Rábade, xunto coa devandita AGCT , Drosera e Saramaganta.

   Con estas organizacións colabora estreitamente na convocatorias de diversas actividades, sempre có fin último da conservación como obxectivo ( proxectos de custodia, training days, proxección de documentais,…).

   Sen entrar en máis detalles das actividades pasadas, pretendemos, en adiante,  ir dando cumprida información sobre as que nun futuro se planifiquen e leven a cabo.

   E para comezar, o anuncio dun curso de Iniciación ás Aves Acuáticas Invernantes na Terra Chá, a celebrar no CEN - Casa das Ínsuas o día 10 de Decembro, e cuxo cartaz podedes ver na seguinte entrada.

  Para rematar, pedir a comprensión de todos aqueles que ao longo deste dilatado espazo de tempo seguiron visitando regularmente este sitio, atopándose cada vez con que non había novidades. Queremos pedirlles disculpas por elo e que saiban que é pola súa causa que se decide, facendo un novo esforzo, retomalo.