lunes, 23 de octubre de 2006

As tres últimas semanas


Garza real Ardea cinerea


Seguindo unha orde cronolóxica, estas son algunhas das observacións dende a última actualización do blog:



Día 5.10.06, nas Lagoas de Riocaldo as primeiras 6 cercetas comúns Anas crecca da tempada.


Día 10.10.06, 1 falcón Falco peregrinus na Espiñeira, a lo menos 9 sisóns T. tetrax aínda na Veiga do Pumar e 2 cegoñas C. ciconia no Matodoso.


Día 11.10.06, en Riocaldo primeiros 9 patos chupóns Aythya ferina e 5 gaivotas choronas Larus ridibundus (4 ad. e 1 xuv.).


Días 13 e 14.10.06, 1 cullerete Anas clypeata (F) en Riocaldo.




Cullerete Anas clypeata (F)

Día 15.10.06, 1 aguia calzada Hieraaetus pennatus de fase clara sobrevoa o parque empresarial de Begonte.

Día 17.10.06, na Veiga do Pumar un mínimo de 18 píldoras douradas Pluvialis apricaria.

Día 19.10.06, en Riocaldo aínda se poden ver até 9 andoriñas comúns Hirundo rustica alimentándose baixo unha persistente chuvia.

Día 20.10.06, na Espiñeira 1 lagarteiro das torres Falco naumanni (M ad.).

Días 21 e 22.10.06, na Espiñeira bandos numerosos de picas dos prados Anthus pratensis e na lagoa de Cospeito 1 ex de papuxa común Sylvia communis, 2 M pato chupón Aythya ferina, 2 asubiadores Anas penelope, 1 xuv de tartaraña das xunqueiras Circus aeruginosus e 1 falcón pequeno Falco subbuteo.

Día 23.10.06, na lagoa de Cospeito de novo 1 xuv de Circus aeruginosus, 1 Falco subbuteo, os
2 Aythya ferina e tamén 1 Ayhtya fuligula.
Ademáis, en Riocaldo as galiñolas negras Fulica atra seguen a ser 18, os lavancos Anas platyrhynchos chegan a 72 ex, quedan 2 mergullóns cristados Podiceps cristatus e pouco máis hai que contar.



Pato chupón Aythya ferina (M)


Pato cristado Ayhtya fuligula e Lavanco

Anas platyrhynchos (F)

Doutra banda o grupo Numenius xunto coa SGO ven de celebrar o día das aves con dous actos, en primeiro lugar o 8.10.06 na Lagoa de Cospeito xornada con posto de observación e anelamento coa inestimable colaboración desinteresada de Vitor Cabaleiro e Bea do grupo Anduriña, moitas grazas a ambos, e cunha máis que aceptable asistencia de público dada a experiencia de anos anteriores e a coincidencia nas datas coas festas de San Froilán (dura competencia).

E en segundo lugar o día 14.10.06, na Casa do Pacio (Sta Cristina, Cospeito), tamén gracias pola súa colaboración, tivo lugar unha mesa redonda baixo o tema “Aves e a Paisaxe Agraria”. A dito evento acudiron membros da universidade e do movemento conservacionista galego, faltando a representación da administración que non acudiu, a pesares de estar invitada tanto a Consellería de Medio Rural coma a de medio Ambiente.

Despois de case duas horas de intenso debate no que se “arreglou o mundo” e sen chegar a ningunha conclusión clara, rematouse deixando unha pregunta no aire ¿Ten futuro o medio rural galego?. Pregunta que precisa dun debate moi amplo para a sua resposta e da que sen dúbida depende en gran parte a pervivencia de moitas paisaxes galegas e toda a biodiversidade a élas asociada.


Día das aves na lagoa de Cospeito


martes, 3 de octubre de 2006

23.09 a 3.10.2006


Chlidonias niger




Está realmente tranquila a Chaira e os seus humidais. Na lagoa de Cospeito comenta Gustavo que un dos petos formigueiros (Jynx torquilla) vistos nos arredores tiña un aspecto moi pardo e non o tono grisaceo que está acostumado a ollar na especie. Polo demáis, a lagoa mantense sen visitantes salientables (entre a ornitofauna, se entende).

Na lagoa de Caque, a pesares de que as condicións son case idoneas para recibir limícolas, non temos rexistros destacables, agás dous pilros pequenos (Calidris minuta) o 23 de Setembro. As choivas dos últimos días están a facer que o nivel hídrico desta lagoa se estea a recuperar.

En Riocaldo a situación é semellante no que se refire ó paso, e a "monotonía" só se ve rompida por fugaces descansos dalgunha que outra gaivota escura (Larus fuscus) no seu camiño cara ó W e SW ou o goteo de gaivinas de cara negra (Chlidonias niger). O día 29.09 Un falcón pequeno (Falco subbuteo), o día 1.10 un non desexado encontro cun visón americano (Mustela vison) atrincherado no interior dunha casa abandoada que hai no lugar, e esta tarde a gaivina das fotos e un bilurico patirrubio (Tringa totanus) eran os visitantes a destacar.

jueves, 21 de septiembre de 2006

Riocaldo 21.09.06

Esta tarde estivemos Gustavo Martínez e Jose Otero nas lagoas observando as maniobras en voo de dúas gaivinas negras xuvenís ademáis de 4 garzotas, 3 garzas reais, 18 galiñolas negras, 31 lavancos, 7 mergullóns cristados, 4 mergullóns pequenos, 1 picapeixe, 1 bilurico das rochas, picafollas ibérico, papuxa do mato e un bando cada día máis numeroso de estorniños que van tomando posesión das "árbores dos corvos mariños" mentres estes non regresan do seu veraneo en latitudes máis septentrionais e, xa anoitecendo (20:50) 1 gaivota escura voa, parece que con certa presa cara ó W.
Por aquí o tal Gordon a penas soprou con algo de forza aló polas 8 da mañá, pola tarde incluso se veu o sol durante largos ratos e as choivas non foron, nin moito menos intensas. Unha tarde case perfecta de campo.

Pilro peitoral na lagoa de Caque

Esta mañá 20.09.06, logo de que onte Gustavo Martínez o avistara á última hora da tarde, presentámonos na lagoa de Caque (Castro de Rei) ás 9:30 o propio Gustavo, David Calleja e Jose Otero coa intención de poder observar o Calidris melanotos, un máis en Galicia nestas datas e van...

A brétema, pechada, facilitounos a ocasión de charlar un rato (amañar un pouco o mundo e esas cousas, xa sabedes) até ben pasadas as 10:30 en que comenzou levantar. E tardou pouco o peitoral en deixarse ver, bastante inquedo, de lonxe e primeiro cos restos da néboa e logo cunha reverberación suficiente para impedir tirar unhas fotos cun mínimo de calidade. Alí estivemos observando coma saltariqueaba dun lado ó outro até que por fin decidiu ocultarse e aló o deixamos arredor do mediodía. Tamén 5 biluricos alinegros, 3 culleretes, algún lavanco, 1 Azor xuvenil, 11 garzas reales, 12 mergullóns pequenos, e 4 galiñolas negras entre outras.

Pola tarde decido dar outra volta por si as condicións de luz permiten a foto e alí atopo e coñezo dous activos ornitólogos de Cariño como son Jose Miguel Alonso e Ricardo Hevia. A ave se deixa ver pero de novo lonxe, a contraluz e na sombra duns salgueiros, polo que as ansiadas fotos terán que agardar unha mellor oportunidade. Un falcón peregrino sobrevoou a lagoa.

Son poucos os lagarteiros das torres que estes días se poden ver na zona, pola contra seguen a ser moi abundantes os papamoscas negros, os sisóns xa levan un tempo agrupados, 2 cegoñas brancas se alimentan nun prado en Xustás, en fin... a Chaira na súa salsa



Carrán común Sterna hirundo. Lagoas de Riocaldo. 19.09.06

miércoles, 20 de septiembre de 2006

Lagoas de Riocaldo 19.09.2006

A lagoa grande de Riocaldo sofre por estas datas dun mal (salvando as distancias) similar ao comentado para a de Cospeito, pese á seca que afecta a todo o país ven mantendo un alto nivel de auga que para nada se corresponde coa época do ano. So que nesta ocasión débese á actividade extractiva da empresa que explota as graveiras. E unha vez máis son os limícolas un dos grupos que se ven afectados en maior medida.

De tódolos xeitos estas lagoas son a miña "área de campeo" máis común por diversas razóns.

E, indo ao gran, onte (xa antonte) 19.09.06 nun par de horas pasadas no lugar ademáis do corvo mariño grande inm. que pasou aquí o verán (o da esquerda) están tamén os mergullóns cristados que criaron por terceiro ano consecutivo, 3 ad. e 5 xuvenís; 17 galiñolas negras, 6 mergullóns pequenos, 2 lavancos, 1 garza real e coma visitantes 1 bilurico alinegro, 3 gaivinas negras e 1 carrán común, na foto de abaixo. Pobre vagaxe, agardemos que melloren as cousas.

lunes, 18 de septiembre de 2006

saúdos


Para comezar, o primeiro comentario ten que facer referencia necesariamente á lagoa de Cospeito, onde o elevado nivel da lámina de auga mantido artificialmente por intereses botánicos, fai que a sedimentación de limícolas durante os pasos se reducira notablemente nos derradeiros anos ao carecer das beiras fangosas necesarias para a súa alimentación. Doutra banda, fainos chegar Gustavo Martinez as novas de observacións na lagoa e o seu entorno de especies en paso nestes días: folosa manchada (Locustella naevia), folosa dos xuncos (Acrocephalus schoenobaenus), papoazul (Luscinia svecica), peto formigueiro (Jynx torquilla) e rousinol común (Luscinia megarhynchos). As acuáticas polo seu lado presentan números baixos.

Antonte, Domingo 17.09.2006, Oscar Rivas, Gabriel Lijó e Roberto Bao tiveron ocasión de confirmar a cría, desde logo tardía, de alcaraván (Burhinus oedicnemus) ao observar dous polos en Cospeito, tamén presenciaron un episodio de predación sobre lagarteiro das torres (F. naumanni) por parte dun falcón peregrino. Por certo, era abundante a presenza de F. naumanni no Arneiro e a Veiga do Pumar (Cospeito e Castro de Rei), así como a de chasco norteño (Saxicola rubetra) e papamoscas negro (Ficedula hypoleuca) por toda a comarca.