miércoles, 17 de octubre de 2007

Terra Chá

O pasado sábado 13.10.2007 nunha pequena volta por Goá e a Veiga do Pumar (Gabriel Lijó, Jose Otero e Oscar Rivas) puidemos observar un ataque dun bonito macho de gatafornela Circus cyaneus sobre un bando de picas dos prados Anthus pratensis, sen éxito por certo. Tamén un pequeno bando de sisón Tetrax tetrax.

O domingo 14.10.2007 pola mañá Oscar Rivas observa e fotografía (sen digiscoping, coa cámara a pelo) esta garzota grande Egretta alba no río Ladra ao seu paso por Gaioso (Outeiro de Rei), que se amosou en todo momento moi confiada. Veciños da zona afirman que se leva vendo por aquí dende hai máis de mes e medio. Posiblemente sexa o mesmo ex. observado a finais de Setembro a poucos km. no rio Parga por Oscar Bergantiños. Pola tarde intentamos localizala de novo pero non houbo sorte.


Egretta alba, moi confiada a escasos metros da beira do rio



Así de prácidamente pescaba


Finalmente en Riocaldo antonte 15.10.2007 (Eva Villares e Jose Otero) vense voar os primeiros polos de andoriña dáurica Hirundo daurica, concretamente 2, acompañando aos adultos por breves minutos. Onte 16.10.2007 eran 4 os xuvenís que se atreveron a facer as súas prácticas de voo durante apenas dez minutos moi perto do niño. As fotos son desta misma tarde.




Hirundo daurica adulta



Outra adulta



E un dos xuvenís

Tamén se deixou ver fugazmente o mergullón bicogroso Podilymbus podiceps

domingo, 7 de octubre de 2007

Día Mundial das Aves

Coincidindo co comezo do novo curso retomamo-la actualización do blog logo dun laaaargo periodo sabático e co propósito de poder manter unha maior regularidade.



O pasado domingo día 30.09.2007 e adiantándonos nunha semana á data oficial para que as festas patronais de Lugo (S. Froilan) non restaran afluencia, o grupo Numenius ben de celebrar un ano máis este sinalado acontecemento cunha xornada de anelamento e observación de aves na lagoa de Cospeito, coa colaboración da SGO, SEO e o Grupo de Anelamento Anduriña de Pontevedra, en particular dun dos seus membros, Victor Cabaleiro, que novamente prestou a súa desinteresada cooperación (en realidade ten un encomiable interese pola divulgación da súa actividade) que desde aquí lle queremos agradecer.



Quen máis disfrutaron foron os cativos..


...ou se cadra non







A xornada saldouse coa asistencia dunhas corenta persoas, cifra que non por discreta nos baixa o ánimo para estar pensando xa no próximo ano. Aneláronse arredor de 50 ex. de 9 especies (rousinol bravo Cettia cetti, ferreiriño rabilongo Aegithalos caudatus, ferreiriño real Parus ater, ferreiriño azul Parus caeruleus, papuxa das amoras Sylvia atricapilla, paporrubio Erithacus rubecula, merlo Turdus merula, xílgaro Carduelis carduelis e, a estrela do día, folosa manchada Locustella naevia)


Locustella naevia

Doutra banda, na mañán de hoxe (7.10.2007) na Terra Chá ( David Calleja, Jose Otero) se puido confirmar a entrada de bandos de pimpíns Fringilla coelebs así coma de picas dos prados Anthus pratensis. Mentres aínda se observou un ex. de pedreiro cincento O. Oenanthe, que en semanas precedentes era abundante na comarca, ou grupos de sisóns T. tetrax.

Na lagoa de Caque vaise incrementando moi pouco a pouco o número de anátidas: cercetas Anas crecca, culleretes A. clypeata, lavancos A. platyrhynchos... Tamén algún bilurico alinegro Tringa ochropus e catro garzas reais Ardea cinerea.

En Riocaldo, xa pola tarde (Vicente Roura, Jose Otero), continúa o mergullón bicogroso Podilymbus podiceps, presente na zona desde o pasado 23 de Agosto, 2 garzotas Egretta garzetta, 3 patos chupóns Aythya ferina, 19 galiñolas negras Fulica atra, 6 mergullóns cristados Podiceps cristatus (4 ad. e 2 xuv.), 3 cercetas e 1 visón americano mustela vison entre outros..




Podilymbus podiceps


Un dos xuvenís de mergullón cristado

Para rematar, facer chegar a Bea e Victor os nosos parabéns por ter decidido anelarse mutuamente (no dedo anular) en datas próximas. Sorte e pasadeo ben por terras corsas.

jueves, 15 de marzo de 2007

Riocaldo

Isto comeza a animarse algo e logo dun inverno realmente escaso en especies estes días se deixan ver as primeiras do paso prenupcial. Así o pasado día 12.3.07 chegaban 3 cercetas albelas Anas querquedula que até hoxe non quiseron pousar para a foto.


Anas querquedula (M)


Anas querquedula (2 Machos e 1 Femia)




Tamén 2 combatentes Philomachus pugnax que ao día seguinte, 13.3.07, eran 3


Philomachus pugnax


Philomachus pugnax


3 biluricos alinegros Tringa ochropus, andoriña común Hirundo rustica que xa están aquí desde o 21 de febreiro, 9 garzas reais Ardea cinerea e se lles sumou o 14.3.06 unha píllara pequena Charadrius dubius


Charadrius dubius


ademais dos aínda presentes, entre outros, corvos mariños Phalacrocorax carbo (hoxe 58 ex. uns minutos antes do anoitecer), 14 cerceta común Anas crecca ou cullerete Anas clypeata, 1 M. e 2 F.

Polo demais, a pesares de estar unha tarde moi soleada o Nordés soprando de xeito constante fixoa bastante desapacible.

domingo, 11 de marzo de 2007

11 de Marzo de 2007

Esta mañá (11.03.2007) nun breve percorrido pola Terra Chá (Oscar Rivas, Eva Villares e Jose Otero) se observaron os primeiros millafres negros Milvus migrans da tempada :


Milvus migrans. Veiga do Pumar. 11.03.07

2 ex. na Veiga do Pumar
1 ex. no Arneiro acompañado dunha femia de gran tamaño de falcón Falco peregrinus
1 ex. en Xustás
1 ex. en Arcillá

Nas lagoas de Riocaldo xa é posible disfrutar dos vistosos rituais de cortexo dos mergullóns cristados Podiceps cristatus desde o pasado mes de febreiro.


Podiceps cristatus. Lagoas de Riocaldo. 26.02.07

sábado, 17 de febrero de 2007

Terra Chá

O pasado día 11.02.2007 Gustavo Martínez observou as dúas primeiras andoriñas comúns Hirundo rustica na lagoa de Cospeito, o seu rexistro máis temperán para a especie no lugar. Doutra banda o número de aves acuáticas presentes neste humidal segue a ser discreto, mencionar por exemplo a presenza de algúns patos frisados Anas strepera ou 3 parellas de asubiadores A. penelope (en breves datas levarase a cabo un novo censo dos principais humidais da Terra Chá e os resultados achegaranse a este blog).


Asubiador Anas penelope (M). Lagoa de Cospeito



10.02.2007. O número de aves na lagoa de Caque era o seguinte: Aythya fuligula 5M e 8F, Aythya collaris 1M, Anas strepera 8M e 7F, Anas clypeata 17 ex., A. platyrhynchos 159, Phalacrocorax carbo 1 Inmt., A. crecca 44, Tachybaptus ruficollis 3 e Fulica atra 7 ex. (E. Villares e J. Otero).


Pato de colar Aythya collaris (M). Lagoa de Caque

17.02.2007. Nas lagoas de Riocaldo os mergullóns cristados Podiceps cristatus son 8.
Ao longo da Chaira son numerosas as cegoñas brancas C. ciconia que ocupan os seus niños (algunhas están aquí desde hai uns dous meses).
En Ponte Liñares (Bazar. Castro de Rei) V. vanellus 3 ex. nun barbeito de millo (E. Villares e J. Otero).
E chuvia, moita chuvia desde onte á tarde.

domingo, 4 de febrero de 2007

Riocaldo 4.02.2007

Hoxe 4.02.2007 o máis destacable nas lagoas de Riocaldo :
Lavanco (Anas platyrhynchos) aprox. 60 ex., cerceta común (A. crecca) 32 ex., mergullón cristado (Podiceps cristatus) 5 ex., corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo) 102 ex., galiñola negra (Fulica atra) 9 ex., avefría (V. vanellus) 18 ex. e becacina (G. gallinago) 1ex.
Eva Villares e Jose Otero


Parte do bando de avefrías (V. vanellus)



Un dos mergullóns cristados (Podiceps cristatus)

jueves, 18 de enero de 2007

Nova ameaza para a Chaira

Este non é o tipo de post que máis nos gusta subir, pero a actualidade obriga.
Unha nova ameaza para A Terra Chá: 3 concesións mineiras que ocuparían 5760 ha. volven a poñer en perigo o patrimonio natural da chaira. Este feito pon de manifesto unha vez máis a necesidade dunha adecuada planificación de usos e aproveitamentos na comarca, así coma a falta dunha figura que protexa os seus valores ornitolóxicos. Máis información aquí.

domingo, 31 de diciembre de 2006

Feliz ano novo




...ano que para a poboación chairega de sisón preséntase complicado pola inminente ameaza da modernización do regadío.

sábado, 30 de diciembre de 2006

Terra Chá. 30.12.2006

Día de censo periódico das lagoas de Caque e Cospeito. Amanece con vento moderado de compoñente sur, para paulatinamente deixar paso a choiva. Destacar as elevadas cifras de lavanco (Anas platyrhynchos), con 676 aves en Cospeito e 225 en Caque, o que sumado as cifras de Riocaldo nos da números próximos ás 1200 aves nos tres humidais máis importantes da chaira.

Das demais especies: cullerete (A. clypeata), pato frisado (A. strepera), pato cristado (Aythya fuligula), mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis) en Caque e asubiador (A. penelope), cullerete, pato frisado , pato cristado , pato chupón (Aythya ferina), mergullón pequeno , galiñola negra (Fulica atra) e galiñola común (Gallinula chloropus) en Cospeito, só destaca a cerceta común (Anas crecca) con 276 aves, pero aínda lonxe dos máximos invernais na zona. Fora das lagoas non puidemos observar gran cousa, nin na Espiñeira -algunhas avefrías (V. vanellus)- nin na Veiga do Pumar, xa que pola choiva nin baixamos do coche. (Óscar Rivas e David Calleja).



Grupo de corvos mariños nadando na lagoa grande de Riocaldo

Nas lagoas de Riocaldo un mínimo de 200 lavancos e 114 corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo) como máis destacable nunha tarde na que a meteoroloxía complicaba o conteo -lavancos e cercetas negábanse a sair de entre a vexetación- das non moi abondosas anátidas. 16 cercetas, 9 galiñolas negras, 1 asubiador e 4 mergullóns pequenos pechan as cifras. (Eva Villares e Jose Otero)


E outros no durmidoiro

Nota: as fotografías non son de hoxe se non do 20.12.06

martes, 26 de diciembre de 2006

Guitiriz. 24.12.2006

No día de noite boa, cunha mañá xélida e néboa pechada aventurámonos (X. Bergantiños e J. Otero) polos prados do antigo campo de aviación de Guitiriz (agora convertido en granxa de vacún) e do Barreiro coa esperanza de atopar os primeiros bandos importantes de tordo real (Turdus pilaris).


Aspecto de prados e sebes ás 10:30 da mañá

Os primeiros en aparecer foron os tordos común (T. philomelos) e charlo (T. viscivorus), que a duras penas lograban ergue-la cabeza por encima da herba xeada.



Cos dedos aterecidos ao contacto co frío trípode fumos observando, e fotografando algúns deles, paporrubio, rabirrubio, ferreiriños varios, peto verde, garza real, e cando a néboa xa levantaba descubrimos pousado nun poste un esmerillón (Falco columbarius) (M) que permanece aquí durante largos minutos, deixándose fotografar repetidamente.


Ex. macho de esmerillón (Falco columbarius)


Aquí se pavonea coa cola despregada

Xa a mediodía, próxima a retirada, nos últimos prados (no W limitando co Boedo) aparece por fin un bando de tordo real no que chego a contar 30 ex. aínda que de certo hai máis, pero demasiado lonxe e mesturados con outras sps para afinar no conteo.
No mesmo prado pero máis perto de nós 52 píldoras douradas (Pluvialis apricaria) e 1 tordo rubio (T. iliacus). As avefrías (V. vanellus) non se deixaron ver.


Píldoras douradas (Pluvialis apricaria)

domingo, 24 de diciembre de 2006

Riocaldo 22 e 23.12.2006

Tamén nas lagoas de Riocaldo apréciase un aumento no número, sobre todo, de lavancos (Anas platyrhynchos) que chega o 22.12.06 a 435 ex. e de corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo) que ao anoitecer do 23.12.06 suman 120 ex. As cercetas comúns (Anas crecca) sobre 20 ex. e siguen 2 Podiceps cristatus, 8/9 Fulica atra, 1 Anas penelope (M), 5 Tachybaptus ruficollis, 5 individuos en sendas motos pasando repetidamente polas pistas, que fixeron imposible o conteo de lavancos, e o Aythya sp. ao que prácticamente lle desapareceu o branco ao redor da base do bico, o que creo que descartaría á femia de A. marila. Subimos unhas fotos do 07.12.06 pedindo disculpas pola baixa calidade das mesmas, son as máis recentes que se lle puideron facer.




21.12.06 Xornada de campo

O día esperta cunha forte xeada (-4ºC) e o vento de compoñente norte incrementa a sensación de frío. En compensación o sol brilla nun limpo ceo azul. Parece que o inverno chega á Chaira, aínda que non hai tantas aves como agardabamos tendo en conta as datas nas que nos atopamos.

Nos barbeitos de millo son abondosos os frinxílidos, aínda que se bota de menos ó pimpín do norte (Fringilla coelebs), especie común no inverno chairego. Supoñemos que en breves datas se deixará ver por aquí. Tamén se observan bos números doutras especies coma lavercas (Alauda arvensis), pica dos prados (Anthus pratensis) e estorniños (Sturnus vulgaris e S. unicolor). Menos abondosos o trigueirón (Emberiza calandra) e o pardal montés (Passer montanus), amén do picanzo meridional (Lanius meridionalis) e a gatafornela (Circus cyaneus).


Pica dos prados (Anthus pratensis) na Espiñeira.
21.12.2006


Os primeiros bandos de tordo real e rubio (Turdus pilaris e T. iliacus, respectivamente), de avefrías (V. vanellus) e de píldora dourada (Pluvialis apricaria) tamén se deixan ver, eso si, en números máis ca discretos.

Sí se aprecia un aumento nos números das acuáticas que habitan nas lagoas. No último censo efectuado por David Calleja na xornada de hoxe, na lagoa de Cospeito detectáronse un total de 14 especies, contabilizándose case 900 anátidas. A especie cunha maior presenza é o lavanco (Anas platyrhynchos) con 554 ex. seguido de cerceta común (Anas crecca) con 226 ex. e do cullerete (Anas clypeata) con 75 ex. Neste humidal localizouse ademais unha cerceta de carolina (M) (Anas carolinensis) que é un invernante regular na zona.

Damos por rematada a xornada de campo (D. Calleja, O. Rivas e J. Otero) ao se poñe-lo sol.

Falcón, estorniños e falaropos

O día 10.12.2006 aparecen nun prado anegado da Espiñeira, Cospeito dous falaropos bicogrosos, descubertos por Gustavo Mtez. e que permanecen no lugar cando menos ata o 13.12.06. Abaixo fotografías de J. Usera e J. Otero.


Falaropo bicogroso (Phalaropus fulicarius)
A Espiñeira.Cospeito. 13.12.2006 (foto: Jose Otero)



Falaropos bicogrosos (Phalaropus fulicarius)
A Espiñeira.Cospeito. 10.12.2006 (foto: Javier Usera)




Falaropos bicogrosos (Phalaropus fulicarius)
A Espiñeira.Cospeito. 10.12.2006 (foto: Javier Usera)



O mesmo día 10 J. Usera capta estas imaxes dun falcón peregrino provocando a desbandada deste numeroso grupo de estorniños que repousaban nun carballo.


Falcón (Falco peregrinus) e estorniños (Sturnus sps.)
A Espiñeira.Cospeito. 10.12.2006 (foto: Javier Usera)




Falcón (Falco peregrinus) e estorniños (Sturnus sps.)
A Espiñeira.Cospeito. 10.12.2006 (foto: Javier Usera)

sábado, 9 de diciembre de 2006

Terra Chá e choiva

8.12.2006


Coas preceptivas botas de auga e impermeable (impensable abrir un paraugas coa ventoeira que sopraba), esta mañá nun percorrido entre o balneario e o antigo campo de aviación de Guitiriz se poideron observar as primeiras, na zona, 32 avefrías V. vanellus (galos da braña na localidade) da tempada, tamén os 2 primeiros tordos reais Turdus pilaris xunto con 5 tordos rubios T. iliacus entre numerosos charlos T. viscivorus, todos eles compartindo espacio con 3 garzas reais Ardea cinerea, ducias de corvos pequenos Corvus corone e grandes bandos de estorniños Sturnus spp.

Prado asolagado no antigo campo de aviación de Guitiriz


Non foi posible visita-la barreira ao sur destes prados xa que o río, desbordado, anegaba a pista, ao igual que o Boedo que asolaga os prados ao redor (J. Otero).


7.12.2006


Nunha breve visita ás lagoas de Riocaldo, tendo que acceder pola pista que leva á entrada da graveira xa que toda a parte sur está anegada, facemos un conteo entre a pouca diversidade que a estas alturas do ano alberga a lagoa grande e os seus arredores.

Esta aparente lagoa dunhas 3 ha. é, habitualmente, un prado.
Entorno das lagoas de Riocaldo. Begonte

Os números son:
- 202 lavancos Anas platyrhynchos
- 6 cercetas A. crecca
- 6 galiñolas negras Fulica atra
- 5 mergullóns pequenos Tachybaptus ruficollis
- 2 mergullóns cristados Podiceps cristatus
- minimo de 25 corvos mariños grandes Phalacrocorax carbo, que a estas horas da tarde inda están chegando das súas zonas de alimentación nos ríos próximos, pero chegan a un nº moi superior
- 1 Aythya sp. que se amosa na fotografía seguinte (e noutra entrada máis abaixo) e pensamos se pode tratar dun híbrido de A. marila x A. fuligula ¿algunha opinión ao respecto?. Leva nas lagoas desde o día 2 de novembro

Aythya marila x A. fuligula? lagoas de Riocaldo. Begonte.

Logo un percorrido por outras áreas da Terra Chá no que o máis saliantable é a observación dun falcón Falco peregrinus no Matodoso que, pousado sobre un poste do tendido eléctrico, seguía con atención os movementos dos bandos de estorniños. Nesta posición deixouse fotografar desde o coche a non moita distancia, pero creo que sabendo que a escasa luz da tarde (sobre as 17:30 parecía estar anoitecendo) non ía permirir un bo resultado. Seguiremos agardando que un día teña a ben pousar en boas condicións de luz e distancia para un retrato (E. Villares, J. Otero).

Falco peregrinus no Matodoso. Castro de Rei


Máis prados asolagados no Matodoso. Castro de Rei

...e en Arcillá. Cospeito


Polo demáis auga, moita auga por todas partes. O Miño desbordado en incontables puntos, prados convertidos en lagoas, estradas atravesadas por correntes, pistas intransitables, máis ou menos o mesmo panorama que se atoparon o día...


6.12.2006

Estrada desaparecendo entre as augas en Xustás. Cospeito

Veiga do Pumar. Castro de Rei

...Oscar coa sempre agradable visita de varios membros do grupo Hábitat da Coruña (Antón, Belén, Inés, Oscar e Santiago) que facendo unha ruta pola comarca disfrutaron da observación , entre outras, das seguintes especies:

- 1 esmerillón (M) Falco columbarius
- 1 falcón Falco peregrinus
- 3 tordos rubios Turdus iliacus
- 30 becacinas G. gallinago
- 1 escribenta das canaveiras Emberiza schoeniclus
- 11 culleretes Anas clypeata
- 1 asubiador A. penelope
- 3 patos cristados Aythya fuligula

Todo isto no entorno da lagoa de Cospeito, A Espiñeira e a Veiga do Pumar.

Outra da Veiga

viernes, 1 de diciembre de 2006

algunhas fotos


Aythya collaris. Lagoa de Cospeito. 30.11.2006

Picus viridis (M). Lagoas de Riocaldo. 30.11.2006


¿Aythya marila x fuligula? Lagoas de Riocaldo dende 02.11.2006




Egretta alba. Lagoa de Cospeito. 11.11.2006