domingo, 24 de diciembre de 2006

21.12.06 Xornada de campo

O día esperta cunha forte xeada (-4ºC) e o vento de compoñente norte incrementa a sensación de frío. En compensación o sol brilla nun limpo ceo azul. Parece que o inverno chega á Chaira, aínda que non hai tantas aves como agardabamos tendo en conta as datas nas que nos atopamos.

Nos barbeitos de millo son abondosos os frinxílidos, aínda que se bota de menos ó pimpín do norte (Fringilla coelebs), especie común no inverno chairego. Supoñemos que en breves datas se deixará ver por aquí. Tamén se observan bos números doutras especies coma lavercas (Alauda arvensis), pica dos prados (Anthus pratensis) e estorniños (Sturnus vulgaris e S. unicolor). Menos abondosos o trigueirón (Emberiza calandra) e o pardal montés (Passer montanus), amén do picanzo meridional (Lanius meridionalis) e a gatafornela (Circus cyaneus).


Pica dos prados (Anthus pratensis) na Espiñeira.
21.12.2006


Os primeiros bandos de tordo real e rubio (Turdus pilaris e T. iliacus, respectivamente), de avefrías (V. vanellus) e de píldora dourada (Pluvialis apricaria) tamén se deixan ver, eso si, en números máis ca discretos.

Sí se aprecia un aumento nos números das acuáticas que habitan nas lagoas. No último censo efectuado por David Calleja na xornada de hoxe, na lagoa de Cospeito detectáronse un total de 14 especies, contabilizándose case 900 anátidas. A especie cunha maior presenza é o lavanco (Anas platyrhynchos) con 554 ex. seguido de cerceta común (Anas crecca) con 226 ex. e do cullerete (Anas clypeata) con 75 ex. Neste humidal localizouse ademais unha cerceta de carolina (M) (Anas carolinensis) que é un invernante regular na zona.

Damos por rematada a xornada de campo (D. Calleja, O. Rivas e J. Otero) ao se poñe-lo sol.

No hay comentarios: