domingo, 7 de octubre de 2007

Día Mundial das Aves

Coincidindo co comezo do novo curso retomamo-la actualización do blog logo dun laaaargo periodo sabático e co propósito de poder manter unha maior regularidade.



O pasado domingo día 30.09.2007 e adiantándonos nunha semana á data oficial para que as festas patronais de Lugo (S. Froilan) non restaran afluencia, o grupo Numenius ben de celebrar un ano máis este sinalado acontecemento cunha xornada de anelamento e observación de aves na lagoa de Cospeito, coa colaboración da SGO, SEO e o Grupo de Anelamento Anduriña de Pontevedra, en particular dun dos seus membros, Victor Cabaleiro, que novamente prestou a súa desinteresada cooperación (en realidade ten un encomiable interese pola divulgación da súa actividade) que desde aquí lle queremos agradecer.



Quen máis disfrutaron foron os cativos..


...ou se cadra non







A xornada saldouse coa asistencia dunhas corenta persoas, cifra que non por discreta nos baixa o ánimo para estar pensando xa no próximo ano. Aneláronse arredor de 50 ex. de 9 especies (rousinol bravo Cettia cetti, ferreiriño rabilongo Aegithalos caudatus, ferreiriño real Parus ater, ferreiriño azul Parus caeruleus, papuxa das amoras Sylvia atricapilla, paporrubio Erithacus rubecula, merlo Turdus merula, xílgaro Carduelis carduelis e, a estrela do día, folosa manchada Locustella naevia)


Locustella naevia

Doutra banda, na mañán de hoxe (7.10.2007) na Terra Chá ( David Calleja, Jose Otero) se puido confirmar a entrada de bandos de pimpíns Fringilla coelebs así coma de picas dos prados Anthus pratensis. Mentres aínda se observou un ex. de pedreiro cincento O. Oenanthe, que en semanas precedentes era abundante na comarca, ou grupos de sisóns T. tetrax.

Na lagoa de Caque vaise incrementando moi pouco a pouco o número de anátidas: cercetas Anas crecca, culleretes A. clypeata, lavancos A. platyrhynchos... Tamén algún bilurico alinegro Tringa ochropus e catro garzas reais Ardea cinerea.

En Riocaldo, xa pola tarde (Vicente Roura, Jose Otero), continúa o mergullón bicogroso Podilymbus podiceps, presente na zona desde o pasado 23 de Agosto, 2 garzotas Egretta garzetta, 3 patos chupóns Aythya ferina, 19 galiñolas negras Fulica atra, 6 mergullóns cristados Podiceps cristatus (4 ad. e 2 xuv.), 3 cercetas e 1 visón americano mustela vison entre outros..




Podilymbus podiceps


Un dos xuvenís de mergullón cristado

Para rematar, facer chegar a Bea e Victor os nosos parabéns por ter decidido anelarse mutuamente (no dedo anular) en datas próximas. Sorte e pasadeo ben por terras corsas.

No hay comentarios: