martes, 25 de junio de 2013

Anelamento de cegoñas na Terra Chá

Nesta tempada de cría 2013 vimos de comezar un proxecto de marcaxe de cegoña branca (Ciconia ciconia) da poboación chairega, un vello anhelo en Numenius co que agardamos obter valiosos datos cos que poder seguir traballando en prol da conservación, non só desta especie, senón do resto da avifauna  e da biodiversidade chairega en xeral.

  Hai un enderezo de correo electrónico (ciconia@numenius.es) habilitado expresamente para recibir as vosas lecturas, que queremos agradecer xa de antemán, e a través do cal marcámonos o compromiso de responder con pronta e precisa información sobre os historiais dos individuos observados a todos aqueles comunicantes que se tomen a molestia.
"Z000". O primeiro da campaña de marcaxe de cegoña branca na Chaira.
  Os exemplares anelados son todos eles polos deste ano e foron marcados no niño entre o 17 de maio e o 1 de xuño. As marcas consisten nun anel de lectura a distancia de PVC de cor verde con díxitos brancos que comezan coa letra Z seguidos de tres números, de Z000 a Z060 na presente campaña, que esperamos seguir ampliando no futuro. Este anel vai situado na tibia esquerda e pódese ler de arriba a abaixo. Na tibia dereita o seu correspondente anel metálico oficial do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

  Xa algún foi visto na Veiga de Pumar nos últimos días, así que xa sabedes, unha ollada algo máis atenta as tibias das cegoñas irá aportando datos que en definitiva son de todos cantos nos preocupamos polo estado e conservación da avifauna galega.
Volvendo os polos ao seu niño
  Non podemos rematar esta nota sen facer público o noso especial agradecemento a X. Manuel Carregal, copartícipe no proxecto e quen co seu aval e dilatada experiencia como anelador fai posible que vaia adiante. Tamén a colaboración nalgunha das xornadas de campo de Graciela Fdez. Arrojo e Alberto Monteagudo.
 

  Agradecer así mesmo a participación de Trabajos en Altura Cantábrico cuxa profesionalidade e disposición fixeron posible que se reduciran notablemente os posibles riscos e as molestias que, por poucas que sexan, son sempre inevitables neste tipo de proxectos. Moitas grazas a Jon, Luís, Toño e compañía?.

  En datas vindeiras ampliaremos información sobre o proxecto: participantes, obxectivos, etc.

  E xa para rematar, o máis importante, desexarlle moita sorte na súa andaina vital a todas esas cegoñas que involuntaria e sufridamentemente son as verdadeiras protagonistas desta historia que aquí arranca.


1 comentario:

Enrique Sampedro Miranda dijo...

Estupenda iniciativa. Moita sorte co proxecto, e que sirva para coñecer mellor as poboacións chairegas de cegoñas, e para a súa protección. Por suposto, andaremos atentos ás anelas, por si as vemos por algún lugar.
Saúdos.