domingo, 18 de diciembre de 2011

Celebrada a xornada de iniciación ás acuáticas invernantes

 Segundo o previsto, o pasado día 10 levouse a cabo a programada xornada de iniciación ao coñecemento das aves acuáticas invernantes na Terra Chá no C.E.N. - Casa das Ínsuas de Rábade, cunha asistencia máis que satisfactoria para a organización e sobre todo de calidade. Queremos salientar neste senso a atenta presenza de varios membros da Sociedade Micolóxica Lucus, xentes comprometidas coa conservación.

 A xornada deu comezo, pasadas as dez da mañá, coa información teórica perfectamente exposta polo compañeiro Oscar no auditorio do centro e que máis tarde sería aplicada nas horas de observación no campo. Centrada básicamente nas especies máis comúns como invernantes nos humidais chairegos e que na maioría dos casos serían doadas de ollar nas zonas próximas.



 Así pois, unha vez recibidas a primeiras pinceladas teóricas introducindo descripcións someras, clasificacións, grupos de aves, notas sobre o por qué e o cando das migracións, etc., dirixímonos os aproximadamente 15 presentes (logo sumarínase algúns máis) á lagoa de Cospeito, corazón dos humidais da chaira e que acolle regularmente unha boa parte da cantidade e variedade das especies que aquí invernan, xunto cos colindantes prados da Espiñeira.



 Apostados no observatorio máis próximo ao centro de interpretación, os asistentes puideron recoñecer varias das especies tratadas con anterioridade. Nunha mañá de sol, luminosa e nítida, das que máis se disfrutan achegando o ollo ao ocular do telescopio ou dos prismáticos nestas datas case invernais, fóronse identificando parrulos (lavanco, cerceta, pato frisado, asubiador, cullerete e pato cristado), corvos mariños, mergullóns pequenos, galiñola e galiñola negra, garza real, azor e buxato, por exemplo. Sen rarezas, só especies habituais na invernada como case sempre nas saídas ornitolóxicas por estas paraxes.



Achegándose xa a hora do xantar, os máis peques (acompañados de mamás e papás) derón en rematar a xornada paxareira, e a metade dos que empezamos (dous arriba ou abaixo) cambiamos por uns intres de ubicación, achegándonos a un dos observatorios de madeira. Conforme o furado no estómago foi medrando, xa só quedamos os últimos catro, que logo de repoñer forzas a base dun fumeante bocata quente nun establecemento da zona (cousa de non pouca importancia, tanto para a nosa saúde como para a economía da zona), dirixímonos aos prados da Espiñeira, onde brevemente corroboramos que o forte da invernada está aínda por chegar, localizando tan só un pequeno bando de avefrías, algúns buxatos e garzas reais, os corzos, que aquí síntense seguros e bastante confiados (é refuxio de fauna), un par de lagarteiros e pouco máis.

Para finalizar demos unha volta por outro dos humidais de interese, as lagoas de Riocaldo (ou Riocaldo e Pedroso deberíase dicir?) onde ademais de lavancos, cercetas e corvos mariños como especies máis abundantes, tamén seguen no lugar dúas anátidas foráneas, dous gansos do canadá dos que un deles xa está establecido dende hai máis de dous anos e medio.


4 comentarios:

Rafael dijo...

MOi boas...moi agradecido pola publicación dos datos, sempre da gusto aprender...pro boto a faltar un bando de 18 cegoñas, 15 xuntas, dúas separadas e outra que chegou, todas andabna a comer, que fotografamos e gravamos en video, Migel Fernández e un servidor, o día 22 de xaneiro pola zona da Veiga de Pumar-Arneiro (non domino a localización exacta dos territorios chairegos). Non sei se será moi normal unha concentración tan elevada de cegoñas a mediados de xaneiro. A min pareceume sorprendente e pensei que habería algunha información máis sobor delas na vosa páxina, pro xa vexo que non reparástedes nelas. Se fixeran falla as fotos, de moi lonxe e fora de foco, (mágoa por iso non as subín ao meu bló)mándame un endereito electrónico e fágovos chegar algunha delas.
O mellor o vídeo poidoio subir un día destes, pese a ser de moi poucos segundos: botáronse a voar sen saber eu moi ben o porqué, aínda que supoño que desconfiarían pesia a andarmos lonxe.
Unha aperta, mirámonos na Chaira.

numenius dijo...

Ola Rafael. Grazas polo comentario. As cegoñas a mediados de xaneiro xa non son nada estrano na Terra Chá nos últimos anos, quizais ver 15 xuntas sexa algo máis chamativo (posiblemente atraídas polos vermes do xurro), pero o número delas por esas datas xa era algo maior.

En relación coas cegoñas vaise publicar unha breve entrada monográfica a non tardar , que elas ben o merecen.

O enderezo ao que te/vos podedes dirixir é "ascnumenius@gmail.com" e se nos permites editamos a entrada de xaneiro e engadimos a observación dese grupo de cegoñas.

Apertas, e na Chaira (ou en Cedeira ou Forcadas) non vemos.

numenius dijo...

Evidentemente o comentario anterior queriamos rematalo dicindo:

Apertas, e na Chaira (ou en Cedeira ou Forcadas)"nos vemos".

Rafael dijo...

Quedo pois a espera desa nova e prometida entrada sobor das cegoñas coa que espero aprender moito. Ánimo a seguir metendo novas entradas que pra os amigos da Chaira que estamos fóra sempre serán moi proveitosas e de lectura obrigada.O permiso pra meter os datos non hai nen que pedilo. Apertiñas.