jueves, 15 de marzo de 2012

Febreiro 2012


Este mes, sobra dicilo, foi realmente escaso en precipitacións (21,2 l. recollidos en Rozas, Castro de Rei), pero o efecto desta falta de auga vese acentuado polo que se arrastra xa dende o pasado outono. Os rastrollos de millo e praderías que o ano pasado por estas datas amosábanse asolagados, rebordantes, neste febreiro presentan unha cara ben distinta. A mesma estación meteorolóxica de Rozas rexistraba unha temperatura media mensual de 5,7ºC cunha mínima puntual de -7ºC o día 4 e unha máxima de 20,5ºC o día 29.

Así as cousas e visto que a invernía en latitudes máis setentrionais non parece estar sendo en exceso dura, nas zonas agrogandeiras son baixos (ou relativamente baixos) os números de avefría, píldora dourada, tordo real, tordo rubio ou pimpín do norte. Entre as anátidas as cercetas mantivéronse en cifras discretas agás unha pequena "irrupción" na segunda semana do mes, apreciable sobre todo na lagoa de Cospeito, os patos frisados chegan a bos números para a comarca igual que o pato cristado e o cullerete, tamén a galiñola negra acadou bos números en Cospeito, non así a galiñola, con rexistros moi escasos. En Riocaldo continxente récord de corvo mariño e preliminares reprodutivos de mergullón cristado. 
Cegoñas (Ciconia ciconia)  no niño. Foto: C. González

O mes poderíase adicar ás cegoñas que enchen caseque cada curruncho da Chaira coa súa presenza, coa vistosidade da súa plumaxe que fai que destaque en voo ou sobre as pradeiras cando se alimenta, co seu sonoro crotoreo ou pousada sobre as grandes e case sempre visibles plataformas onde crían.

A continuación presentamos, de xeito cronolóxico, algunhas observacións ao longo principalmente da Chaira, inda que tamén se inclúen algunhas doutras zonas da provincia por consideralas de interese (fenoloxía, especies escasas, etc...).

Día 4

Lagoa de Cospeito (C. González, G. Martínez).

Unha tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus) e unha londra (Lutra lutra).

Día 5

471 ex. de Pluvialis apricaria + 43 ex. de Vanellus vanellus coincidindo coa onda de frío siberiana, nun percorrido pola Espiñeira, Matodoso e Mos (C. González, O. Rivas).

Veiga de Pumar (C. Varela, M. Otero).

Un picanzo meridional (Lanius meridionalis).

Día 7

Guitiriz (J. Otero).

Nos prados do antigo campo de aviación (referímonos así á chaira ocupada na actualidade por unha explotación gandeira de vacún e lindante co balneario da vila) dous pequenos bandos de avefrías, ou galos da braña que se lle di por aquí (V. vanellus) que entre os dous non suman máis que 51 exemplares.

Día 11

Lagoa de Cospeito (C. González)

Destacar neste día un notable aumento de cercetas (Anas crecca) superando con creces os 500 individuos. 

Lavanco (Anas platyrhynchos) 20
Pato cullerete (Anas clypeata) 71
Pato frisado (Anas strepera) 14
Asubiador (Anas penelope) 3
Pato cristado (Aythya fuligula) 38
Galiñola negra (Fulica atra) 13
Mergullón (Tachybaptus ruficollis) 5
Garza real (Ardea cinerea) 2

Pígara (Guitiriz) (J. Otero).

Durante o percorrido para o SACRE de inverno detéctanse 4 tordos reais, especie, como queda dito nunha entrada anterior, con escasos avistamentos nesta tempada invernal. Tamén destacar a presenza de 3–4 petos verdes (Picus viridis) nunha franxa reducida de terreo (3 deles observados simultáneamente).

Lagoas de Riocaldo (J. Otero).

Segue o ganso do Canadá e un baixo número de anátidas con 6 cercetas e 43 lavancos (6 deles femias), ademais de 3 galiñolas negras e unha parella de mergullón cristado (Podiceps cristatus).

Matodoso / Xustás (J. Otero).

Un nutrido bando de frinxílidos entre os que a gran maioría son pimpín común (Fringilla coelebs), cun menor número de verderolos (Carduelis chloris) e no que se integran cando menos 4 pimpíns do norte (Fringilla montifringilla).
Nun rastrollo de millo, mesturados cun bando de estorniños (Sturnus spp.) aliméntanse un grupo de 327 avefrías.

Miñato (Buteo buteo). Foto: C. González
Día 12

A Espiñeira (J. R. Bugallo).

Un bando de 101 avefrías xunto con 11 píldoras douradas, poucos frinxílidos e un bo bando de estorniño pinto (Surnus vulgaris) como máis salientable, varias parellas de tordo charlo (Turdus viscivorus) dispersas - segue estrañando non ver nesta zona tordo rubio (T. iliacus) nin real (T. pilaris) - e dous grupos de corzos (C. capreolus) (4 + 3).

Lagoa de Cospeito (a.m.) (J. R. Bugallo).

Lavanco (Anas platyrhynchos) 50 (moi poucos)
Pato frisado (A. strepera) 26
Cullerete (A. clypeata) 57
Asubiador (A. penelope) 3 ( 1 M.)
Cerceta (A. crecca) 306
Pato cristado (Aythya fuligula) 16
Mergullón pequeño (Tachybaptus ruficollis) 6
Garza real (Ardea cinerea) 2
Corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo) 2
Becacina (Gallinago gallinago) 1

O número de cercetas pode estar de novo por encima dos 500 ex. (p.m.) (O. Rivas).

Veiga de Pumar (J. R. Bugallo).

2 avefrías e tres pequenos grupos de píldoras douradas (P. apricaria) con 53, 46 e 32 ex. e encamadas a carón da estrada dúas perdices (Alectoris rufa), tamén un grupo de 8 lavercas (Alauda arvensis) e un bonito macho de gatafornela (Circus cyaneus).

Día 19

Lagoa de Cospeito

Destacable abundancia de Anas strepera, parece que os números de invernada desta especie cada vez son maiores.

Unha londra (Lutra lutra) (C. González, O. Rivas).

Máis tarde, no mesmo lugar (C. González, J. Otero, M. Rodríguez, O. Rivas):

Anas strepera 34
Aythya fuligula 30
A. penelope 1 M, 1 F.
A. clypeata aprox. 40
A. platyrhynchos mínimo 100
A. crecca mínimo 300
Phalacrocorax carbo 2
Circus aeruginosus 1 F.

Zonas agrarias de Cospeito e Castro de Rei (J. Otero).
Nun percorrido por varias zonas da comarca chairega visítanse un total de 47 niños de cegoña branca (C. Ciconia) incluída a colonia de poucos anos que asentada sobre un grupiño de carballos parece irse consolidando, poidéndose constatar a ocupación dunha alta porcentaxe deles. 

Colonia de C. ciconia  no concello de Castro de Rei. Foto: J. Otero
 Bazar / Ponte Outeiro (J. Otero).

Numerosas garzas reais alimentándose en praderías húmidas e regatos, sendo observados grupos de 4, 2, 6, 2, 4 e 5 ex., contrastan cos poucos efectivos observados en datas recentes na lagoa de Cospeito.

Xustás (J. Otero).

Unha garzota branca (Egretta alba) no río Miño, este ex. parece asentado na zona dende hai varias semanas, e posiblemente trátase do mesmo que é observado en diversas ocasións augas abaixo en Ponte Vilar (F. López, com. Persoal).

Gaibor (D. Pérez, O. Rivas).

Á noitiña unha curuxa (Tyto alba) reclamando.

Día 21

As cegoñas (C. ciconia) comezan o seu ciclo reprodutivo, e durante este mes vemos como se inicia a ocupación de niños e as primeiras cópulas vanse producindo ao longo de toda a comarca (C. Varela, M. Otero).

Detalle de cegoña branca (C. ciconia). Foto: M. Otero

Castro de Rei (C. Varela, M. Otero).

Milvus migrans Un ex., primeira observación persoal da tempada.
Scolopax rusticola Un ex. levanta dunha zona encharcada no linde dun piñeiral. Única observación da especie neste inverno para a Chaira.





 Veiga de Pumar (C. Varela, M. Otero).

Falco columbarius: 1 ex. xoven ou femia.

Granxa Gaioso (C. Varela, M. Otero).

Vanellus vanellus 175 ex.
Pluvialis apricaria 250 ex.

Turdus iliacus 14-20 ex. en prados lindantes á lagoa de Caque, única observación da especie na comarca, logo de botar todo o inverno se detectala (C. Varela, M. Otero). 

Millafre negro (Milvus migrans). Foto: M. Otero
Día 22

Lagoas de Riocaldo (J. Otero, V. Roura).

Continúan as lagoas cunha escasa presenza de anátidas de tan só as dúas especies máis comúns na invernada (lavanco e cerceta), excepción feita do ganso do Canadá (Branta canadensis), e de salientar algo sería:

Actitis hypoleucos 1 ex.
Tringa ochropus 1 ex.
Podiceps cristatus, son hoxe 7 os exemplares e podemos asistir aos primeiros “escarceos” en forma das súas espectaculares danzas nupciais.

Á tardiña, xa case noite, no seu durmidoiro, récord de corvos mariños grandes cun total de 183 ex. Todo parece indicar que aos habituais do lugar agregáronse os preto de 40 ex. que viñan utilizando a lagoa de Cospeito para facer noite e algún máis.

Lagoa de cospeito (D. Calleja, J. Otero, V. Roura).

Accipiter nisus un ex. (M.)
Hirundo rustica un ex., primeira observación persoal do ano. Repítese a observación dun ex. o día 26 (C. González).

E polo demais todo continúa máis ou menos igual que en datas anteriores, se acaso sinalar un lixeiro aumento no número de culleretes e unha notable diminución no de cercetas.

Día 23 (C. González)

Veiga de Lamas (Cospeito).

Gabián (Accipiter nisus). Foto: C. González

Un grupo de avefrías (V. vanellus) que estiveron estes días pola zona alcanzaron hoxe o seu número mais alto con un total de 43 exemplares . Tamén unha píldora dourada (Pluvialis apricaria), 2 Miñatos (Buteo buteo), e un gabián (Accipiter nisus) que intentaba cazar entre uns bandos de Pimpín (Fringilla coelebs) e verderolo (Carduelis chloris).




Día 25 (D. Pérez, F. Fernández, G. Lijó, O. Rivas)

Egretta alba 2 ex. no río Miño na cola do embalse de Belesar preto de Seixón (Portomarín).

Nunha saída en busca de nocturnas no entorno de Cospeito, 1 ex. de Tyto alba reclama pola noite na Espiñeira e son detectados 2 territorios distintos de Athene noctua.

Día 27

Lugo (J. Otero).
Milvus migrans 1 ex. sobrevoando o Miño á altura da nova ponte.

3 comentarios:

Xabier Prieto Espiñeira dijo...

Graciñas por tan detallada información (e especificada por localidades!).
Dúas preguntas:
- O Tordo charlo aniña na Espiñeira, ou é simplemente trasumante/divagante? Nos piñeirais de Caque imaxino que si, pero en Cospeito nunca o tiven claro. Sempre tiven curiosidade.
- Cómo lle vai á Lebre na mesma Espiñeira?
Unha aperta.

numenius dijo...

Ola Xabi:

Tentamos recopilar algo de información entre os que máis habitualmente visitamos a zona e, de memoria principalmente, poderiamos comentar:

Sobre o charlo, é úna especie que aparece en mostraxes en varias localidades da comarca durante o verán, vense grupos familiares en lugares como A Xoca ou Gaibor (A. de Castro) por exemplo. Tamén detéctanse individuos na Espiñeira e zonas próximas, con contactos durante o SACRE (O. Rivas) e en visitas illadas entre abril e
xullo (J. Otero, E. Villares) , pero sobre todo hai observacións directas de aves con ceba na zona SW da Espiñeira, en piñeirais de Pinus radiata (G. Martínez).

Concluiriamos en definitiva dicindo que se trata dunha especie ben distribuída pola Terra Chá, nas típicas zonas abertas en mosaico de prados - lindeiros - bosquetes.

En canto á lebre hai avistamentos esporádicos na zona Sur (G.Martínez) e Leste (J. Otero, E. Villares) da Espiñeira, así como noutros lugares da Chaira como Arcillá, Toiral ou Veiga de Pumar (A. de Castro, G. Martínez, O. Rivas) e non é rara na periferia (Meira ou Rozas) (A. de Castro), pero probablemente vaille mellor en zonas de montaña próximas como o Macizo do Monseibane e a Serra da Loba (G. Martínez) ou o cordal de Montouto (J. Otero, E.Villares), etc.

Apertas

Xabier Prieto Espiñeira dijo...

Graciñas!

PD:eu poño "Monseibán". Coñecín xente nativa da zona (tiven unha moza de Abadín) e, se non lembro mal, dicían así. Aínda que nalgúns mapas aparece "Monseibane", probablemente polo hábito linguístico de meter un -e final en moitas palabras (o -e- "paragóxico", creo que lle chaman). Investigade iso.
Unha aperta.