Vicente
Roura
Pintor
nado na Coruña e chairego de adopción, aquí reside dende hai anos
en pleno contacto coa natureza, pintando emblemáticos edificios
mentres olla aos bosques, e máxicas vistas de rúas coruñesas
sentado cara a unha corredoira, rodeado de bichos, dos que durmen
baixo teito (a burra, os cans, o gato) e dos que veñen comer aos
comedeiros por el colocados, os ferreiriños, paporrubios, verderolos
e pimpíns e, de cando en vez, o gabián que aparecendo coma un
lóstrego da nada tenta capturar un bocado que levar ao papo. O
corzo, o raposo ou o xabaril tampouco se fan de rogar. E a curuxa,
que tamén comparte teito e dalle nome á súa casa como non podía
ser doutro modo.

Vicente
Roura colabora habitualmente con Numenius en censos de aves e outros
traballos de campo, é un comprometido, un apaixoado naturalista, o
mesmo se interesa polos arácnidos que non ten reparos en rescatar unha
posta de sapo ou de píntega condenada a desaparecer nunha rodeira de
tractor seca e ceibar as larvas unha vez conseguiu que naceran na
casa.
Comprometido
tamén no social, no seu blogue non faltan as iracundas denuncias ás
instancias, eclesiásticas ou políticas.
No
artístico, a pintura acompañouno case toda a súa vida, con
formación na Escola de Artes e Oficios da
Coruña tocou tamén
a escultura, a escenografía, o cine de animación, a dirección
artística, o teatro, o escaparatismo...
Na
actual etapa prevalecen nos seus cadros os motivos urbanos -curiosa
contradición- edificios, rúas e currunchos da cidade de Hércules,
cunha paleta dominada por amarelos, laranxas e azuis que modelan sinuosas
formas, frías sombras e intensas ou cálidas luces reflectidas nas fachadas.
Unha escolma da súa pintura, de bosquexos e apuntes e, como non, do seu
compromiso social, así como divertidas fotografías pódense ollar no seu blogue:
Disfrutadeo
que ben paga a pena.
Mariana
Roura
De
pai e nai pintores (casualmente o pai de nome Vicente), os lapis e
pinceis afixéronse ás súas mans dende moi nova. Reside dende hai pouco na Terra Chá, naceu na cidade da
Coruña e, como ela mesma di no seu blogue DIBUJOS DE NATURALEZA,
“mis
padres me educaron con la sensibilidad suficiente para amar la
naturaleza”.
Así a práctica totalidade da súa obra é de contido naturalista.
Do
seu contacto co Grupo Naturalista Hábitat xurdiron colaboracións en
forma de marabillosas ilustracións para guías de natureza,
revistas, trípticos, calendarios e outro material gráfico e
divulgativo.
O
seu estilo é moi realista e as especies que brotan dos seus lapis
acuarelables e pinceis cobran vida polo esmero e especial
atención que pon en plasmar os ollos, a mirada do esquío, do sisón,
da avetarda, do pato cristado, do lobo e de tantas outras especies.
Tampouco
as bolboretas ou o mundo vexetal escapan á súa maestría...