miércoles, 20 de febrero de 2008

Caixas niño


Dende Numenius comezamos este ano un novo proxecto, a colocación de caixas niño para especies de mediano tamaño (moucho, bubela, lagarteiro, etc…) nalgunhas zonas da comarca chairega. Nesta primeira tempada instaláronse 24 caixas na zona dos prados da Espiñeira aledaña á Lagoa de Cospeito. Esta zona a pesar de constituir un hábitat aparentemente óptimo carece de árbores vellas nas que poidan niñificar estas especies. Recordemos que esta zona a finais dos anos 50 do século pasado sufríu unha forte transformación debido ao proceso de colonización agraria promovido pola administración central, que transformou amplas zonas de uceira en pradeiras eliminando case por completo o arboredo existente. Na actualidade unicamente hai árbores formando parte das sebes e lindes das parcelas, e sempre árbores novas que non proporcionan lugares axeitados para a niñificación.



Seguindo a experiencia de outros proxectos similares desenvolvidos noutras zonas da xeografía peninsular procedeuse á construcción de caixas niño seguindo os modelos recomendados na bibliografía especializada para as especies obxectivo (moucho, bubela, lagarteiro, etc…).



Nos vindeiros anos preténdese aumentar o número de caixas colocadas neste e outros lugares da Terra Chá e facer un seguimento durante a tempada reproductora para avaliar o éxito desta medida.



Na construcción, preparación e colocación das caixas hai que agradecer o traballo dos compañeiros Carlos González, Eva Villares, David Calleja, José Otero, Ricardo Méndez, Xosé Ramón Sánchez, Miguel Paredes, Hugo Fernández, Daniel Pérez, Gustavo Martínez, Oscar Rivas e Gabriel Lijó.



1 comentario:

José Miguel Alonso Pumar. dijo...

Noraboa a tódol@s compañeiros de Numenius por esta iniciativa.

Abofé que algúns disfrutaremos nas nosas visitas á Terra Cha do incremento en especies (en maior ou menor medida) que isto suporá.

Pois iso, noraboa.