miércoles, 29 de noviembre de 2006

Renovación e mellora do Regadío na Terra Chá: Unha ameaza para as aves


Antecedentes: O regadío na zona da Terra Chá ten máis de 40 anos de antigüedade e no momento actual as instalacións existentes atópanse obsoletas e prácticamente inutilizadas.

Na comarca existen 9 comunidades de regantes das que forman parte uns 200 colonos. O novo plan para modernizar o regadío está en tramitación dende hai máis de 4 anos incluíndose dentro do denominado “Plan Nacional de regadíos”. O orzamento total da actuación para a zona sería de 12.374.494 euros. Os gandeiros deberían facer fronte nos vintecinco primeiros años ó 8% desa cantidade; a UE financiaría ó 24% e a Xunta aportaría o 22%. O 46% restante deberían aportalo dende o ano 25 ó 50 de uso os gandeiros, sin actualización da cantidade. Nun principio, ese montante adiántao a “Sociedad Estatal de Infraestructuras agrarias del Norte S.A. (SEIASA).”

Inicialmente a aportación da Xunta ía ser menor, pero Política Agroalimentaria accedeu a participar cunha maior porcentaxe (ata chegar ó 22% actual) no proxecto para incentivar ós comuneiros. Aínda así as comunidades dan un respaldo minoritario ó proxecto e soamentes dúas, as de Río Miño-Pequeno e A Franqueira firmaron o convenio.

Polo tanto o proxecto inicial que involucraba ó total das 9 comunidades de regantes vese reducido a dúas, afectando ó sector Xustas-Veiga de Pumar-Arneiro-Goá, que é unha das zonas con maior importancia para a avifauna na comarca de Terra Chá. A superficie afectada polo plan será de 777,5 hectáreas dos concellos de Cospeito e Castro de Rei e o orzamento final será lixeiramente superior ós catro millóns de euros dos cales os regantes só pagarán o 8%.

Impactos do proxecto sobre a avifauna do Sector Xustás-Veiga de Pumar-Arneiro-Goá: A zona está sometida a un aproveitamento forraxeiro intensivo, dominando as pradeiras artificiais a base de “ray-grass” (Lolium sp.) ou en mestura con outras especies pratenses i en rotación con millo. Precisamente este cultivo aumentou considerablemente a súa presenza nos últimos anos.

O Sector adquire importancia para a avifauna polas poboacións típicas de medios agrarios e de campiña. Na zona se encóntrase o groso da poboación chairega de Sisón (Tetrax tetrax) con 17 machos dos 19 estimados para a comarca. Esta cifra supón arredor do 50% dos efectivos estimados para o total de Galicia. A especie está catalogada como Vulnerable” en Europa, onde se clasifica como “SPEC 2” (especie cun estado de conservación desfavorable e con poboación concentrada en Europa) (BirdLife 2004). Ademáis a zona presenta a única poboación da comarca de Alcaraván (Burhinus oecdinemus) especie moi escasa e localizada a nivel galego. Outras especies tamén presentes son:Tartaraña cincenta (Circus pygargus), Lagarteiro cincento (Elanus caeruleus), Picanzo meridional (Lanius meridionalis), Millafre negro (Milvus migrans) e Mazarico real (Numenius arquata).

Destacar a presenza postreproductora de Lagarteiro das torres (Falco naumanni) especie catalogada como Vulnerable” no “Libro Rojo de las aves de España (Madroño et al, 2004)”.

Na situación actual onde a zona vese sometida a un aproveitamento intensivo con orientación cara á producción láctea, o sector presenta afeccións de tipo medioambiental severas que poñen en perigo a conservación da rica comunidade de aves asociada a este agrosistema e fan preciso a implementación de medidas agroambientais específicas que compatibilicen o aproveitamiento agroganadeiro e o mantemento dos valores naturais asociados.

O plan de regadío supoñería unha maior intensificación, aumentando máis se cabe, o uso de fertilizantes, fitosanitarios e outros praguicidas, supoñendo un cambio en todo o agrosistema actual. En xeral, entre os impactos máis salientables sobre as aves pódense sinalar:

-Durante a fase de obras:

-Colocación de canalizacións e tuberías, eliminación de vexetación, emisións de pó e ruido, tránsito de persoas e maquinaria… Estes impactos, a pesares de ser de carácter temporal, ó condicionar gravemente as características da paisaxe percibida polas aves, ocasionarán a perdida funcional de amplias superficies de hábitat utilizado polas mesmas, producíndose o abandono definitivo das áreas de cortexo, cópula, niñificación e alimentación.

-Durante a fase de explotación dos cultivos:

-Pérdida de recursos tróficos para adultos e polos, polo aumento dos fitosanitarios que afectará á dispoñibilidade de alimento (sementes, prantas, insectos) para as aves. Ademáis é previsible a diminución de superficie para a alimentación, pola perda de diversidade (que xa é mínima na zona) e de dispoñibilidade de hábitat adecuado.

-Perda das áreas de exhibición dos machos de Sisón, que na zona acostuman a seleccionar parcelas de pradería con altura menor de 25cms. É previsible que có regadío aumente a superficie dedicada a maíz, hábitat pouco seleccionado pola especie, e que ademáis os cultivos na época de cortexo se atopen nun estado vexetativo no que superen os límites de altura requeridos.

- Perda de áreas de niñificación. O rego prodúcese nos meses de verán, coincidindo coa época crítica da niñificación, o que inutiliza as parcelas para a cría. Esto é especialmente crítico para as femias de sisón.

-Diminución da tasa de eclosión e supervivencia de polos. O aumento da producción maniféstase nun menor intervalo entre dúas cortas nunha mesma parcela, o que agudiza aínda máis o efecto da sega sobre os niños.

-Incremento da probabilidade de extinción da metapoboación chairega de Sisón. O tipo de apareamento da especie, que se encadra dentro dos denominados “lek dispersos”, un certo grao de filopatría e fidelidade ós lugares de exhibición, ademáis dos complexos mecanismos que operan na dinámica poboacional da especie (Teñen sido observadas extincións locais fulminantes por migracións interpoboacionais unha vez se baixa de certos umbrais de poboación) fan que a fráxil poboación desta ave na zona vexa limitadas as súas posibilidades de conservación.

-Afeccións sobre o humidal de Veiga de Pumar e todo o sistema hídrico da zona por contaminación, eutrofización e modificación do balance de nutrintes, o que poderá afectar ás aves e ás importantes comunidades de prantas acuáticas.

No hay comentarios: